Friday 19 de April de 2024

Os Concellos de Frades e Mesía compartirán un punto limpo móbil, que estará en marcha no ano 2022


Un total de 140 concellos facilitan aos veciños a recollida de residuos voluminosos ‘porta a porta’ grazas á rede de puntos limpos móbiles

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá Frades, onde destacou que un total de 140 concellos xa poden facilitar a recollida de residuos voluminosos ‘porta a porta’ grazas á rede de puntos limpos móbiles, financiada pola Xunta de Galicia. Un dos beneficiados na convocatoria de 2021 foi a agrupación de Concellos de Frades e Mesía, que xa comparten dende o 2014 a xestión dun punto móbil na parroquia de Céltigos, a carón da N-634 e na fronteira entre ambos municipios.

Na súa visita ao punto limpo de Frades-Mesía, a conselleira de Medio Ambiente estivo acompañada polos alcaldes de ambos municipios, Roberto Rey e Mariano Iglesias; así como do deputado autonómico Miguel Prado, os concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente de Frades, Manuel Ferreiro e Juan Carlos Portos; e a Montserrat Rivas, xerente do Grupo CercedaSol.

Ángeles Vázquez recordou que desde 2019, ano da primeira convocatoria, o Goberno galego ten mobilizado 2,6 millóns de euros para adquirir 58 puntos limpos móbiles que dan servizo a 140 concellos galegos, ou o que é o mesmo, a máis de 620.000 habitantes, un 23% da poboación de Galicia. A conselleira indicou que esta rede deu un salto cualitativo este ano, pois só ao abeiro da convocatoria de 2021, concedéronse 23 novos puntos limpos, polo que se incrementou nun 65,7% grazas ao investimento autonómico de 1,27 millóns de euros.

Tamén destacou que a esta rede móbil súmase a rede de puntos fixos- preto dos 150- que dan servizo a 2,2 millóns de galegos que contan cun punto limpo fixo a menos de 10 minutos do seu domicilio. A modo de exemplo, citou a colaboración entre Frades e Mesía que, grazas a unha axuda de case 70.000 euros, facilitarán este servizo mancomunado e que no caso de Frades, complementará o servizo do punto limpo fixo, posto en marcha hai sete anos grazas a unha achega autonómica de 276.000 euros. O novo servizo estará operativo ao longo do vindeiro ano 2022.

Agradecementos

Nese sentido, o alcalde de Frades, Roberto Rey, agradeceulle á conselleira a iniciativa dos puntos limpos móbiles que “imos implantar proximamente nas nosas parroquias. É unha medida máis para concienciar á nosa veciñanza de que temos que respectar o medio ambiente e reciclar os nosos residuos”. Pola súa banda, o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, coincidiu nos agradecementos á conselleira e desexou “poder poñer en marcha canto antes este novo servizo para os nosos veciños e veciñas en aras de achegar un grao máis de area a facer da xestión dos residuos algo sostible que nos permita ter un mellor medio ambiente”.

A conselleira de Medio Ambiente animou ás administracións a impulsar este tipo de servizos de xeito mancomunado, pois é unha garantía de eficiencia e sostibilidade, ao tempo que se reducen os custes para as arcas municipais. Por último, Vázquez Mejuto salientou que grazas a este tipo de iniciativas se evita o depósito no contedor xeral de residuos como botes de pintura, aceites, televisores, pantallas ou enxoval.